Tuesday 30 de April de 2024

A EGAP forma aos empregados públicos para conseguir unha administración sen papel


Durante o acto, a directora da EGAP resaltou o papel fundamental dos empregados públicos no cambio cara a unha Administración que lle asegurará á cidadanía a posibilidade de relacionarse cos organismos públicos a través de medios electrónicos, o que dará lugar a un sector público máis áxil, máis moderno e máis eficaz

Na Escola Galega de Administración Pública, tivo lugar o acto de entrega de diplomas a 40 alumnos do curso Administración electrónica e arquivo electrónico administrativo. Ao acto asistiron Sonia Rodríguez-Campos, directora da Escola Galega de Administración Pública; Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e director do curso.

Durante a súa intervención, a directora da EGAP resaltou o avance imparable das novas tecnoloxías no sector público e o seu reflexo nas normativas máis recentes, as cales fan referencia clara á aposta do Goberno por unha Administración sen papel nun futuro próximo. Nesta liña, a Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas contempla que a tramitación electrónica debe constituír a actuación habitual das administracións públicas co fin de servir mellor aos principios de eficacia e de eficiencia, ao aforro de custos, ás obrigas de transparencia e ás garantías da cidadanía. Esta normativa senta as bases dun aparato administrativo que lle asegurará ás persoas a posibilidade de relacionarse cos organismos públicos a través de medios electrónicos, poñendo a disposición dos interesados todas as canles de acceso que sexan precisas así como garantindo o dereito a recibir asistencia no seu uso por parte dos empregados públicos.

Ademais, Sonia Rodríguez-Campos lembroulles aos alumnos que cos coñecementos adquiridos durante o curso poderán “formar parte activa da nova Administración á que aspiramos e que, sen dúbida, mellorará a atención que se lle presta á cidadanía”. Os empregados públicos son unha parte fundamental do proceso a fin de conseguir un sector público máis áxil, máis moderno e máis eficaz.

Por outra banda, Mar Pereira resaltou o carácter práctico do curso en consonancia coas necesidades actuais da Administración, que precisa dun cambio organizativo e dunha adaptabilidade dos empregados públicos aos novos procesos electrónicos. Nesta liña, a directora da Amtega destacou o traballo deste organismo nos últimos anos para facilitar o uso dos servizos electrónicos ás empresas e particulares e anunciou que durante o vindeiro ano completaranse o número de procedementos dispoñibles na Xunta de Galicia a través da vía telemática.

Curso de administración electrónica e arquivo electrónico administrativo
O curso de administración electrónica e arquivo electrónico administrativo, realizado entre os meses de setembro e outubro, pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da administración electrónica, con especial énfase no arquivo electrónico administrativo, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións da nosa Comunidade.